PRINCIPIOS IDEOLÓXICOS DAS MOCIDADES DE TERRA GALEGA

1-AS MOCIDADES DE TERRA GALEGA NA GALICIA DE HOXE


Os xoves de Terra Galega plantexamos o seguinte documento dende a base dunha organización nacionalista que aposta polo benestar dos xoves galegos e na utilización de todos os recursos posibles para acadar ese obxectivo; consideramos que as leis están para adaptárense aos desexos dos cidadáns, e non á inversa e que, polo tanto, toda proposta feita dende medios democráticos e pacíficos é lexítima e merecente do máximo respecto.

Unha das características das sociedades é a dialéctica existente entre os xoves e as xeracións maduras; os xoves, como sector máis dinámico e menos suxeito a conservar un statu quo cuestiona a cosmovisión vixente e a enriquece coas súas achegas. En Galicia esta situación está especialmente marcada polo profundo cambio social acontecido nos últimos vinte anos onde Galicia se converteu definitivamente nun país desenvolvido e cunha economía onde o sector servizos xa é con diferenza o de máis peso; este cambio que podemos cualificar de abrupto, contribuíu a crear unha masa crítica sensible a aquelas propostas políticas encamiñadas a que Galicia teña un verdadeiro poder de seu, unha masa que poderíamos cualificar como unha maioría social de xoves favorable ao avance nacional de Galicia.

Dende as xuventudes de Terra Galega temos que apostar por convertérmonos na forza política de referencia desa maioría de xoves que entre os 18 e 30 anos votan nacionalista pero que posteriormente desertan desa opción por considerala radical; temos que aspirar a representar a esa maioría que quere que Galicia profundice o seu nivel de autogoberno para que este repercuta positivamente neles e no conxunto dos cidadáns de Galicia. Nós temos que ser a organización da xuventude galega.


2- A AUTONOMÍA GALEGA

En 1981 entraba en vigor o Estatuto de Autonomía de Galicia que supoñía a primeira experiencia de autogoberno no noso país dende finais do século XV. Con todas as limitacións que tivo e ten o actual marco, hai que admitir que a experiencia destes 25 anos de autonomía demostrou que a proximidade da administración ao cidadán é, en esencia, positiva.

Entre as eivas que o sistema autonómico non puido superar podemos salientar, entre outras, o gran problema no emprego que teñen os nosos xoves , a utilización clientelar dos Fondos de Cohesión da UE e das transferencias do Fondo de Compensación Interterritorial e a escasa capacidade de reacción diante das situacións de emerxencia. Os sucesivos gobernos autonómicos amosaron a súa incapacidade de xestión diaria á hora de aproveitar aqueles ámbitos competenciais nos que o goberno galego tiña capacidade de manobra.

Cómpre unha dignificación das institucións galegas, e esa dignificación pasará por unha administración áxil, eficaz e por un emprego responsable dos fondos públicos que prime a máxima rendibilidade social de cada euro. As administracións públicas teñen que aparecer como un apoio aos cidadáns e non como un atranco das iniciativas individuais e colectivas da sociedade civil.

3- O ESTADO ESPAÑOL E GALICIA

A chegada da democracia ao Estado Español despois de 40 anos de ditadura franquista supuxo a oportunidade para as diferentes nacións que convivían no seu seo de aspiraren ao seu autogoberno e a estableceren as súas relacións co Estado nun plano de igualdade.

En cambio, as múltiples presións coas que houbo que contar durante todo o proceso de transición, en especial dos Poderes Fácticos, limitaron en grande medida os resultados dese proceso. O PSOE, que defendía até o ano 1975 a autodeterminación para as nacións do Estado e unha configuración federal do mesmo, pasou a pactar coa UCD a LOAPA, que servía para rebaixar o teito competencial das Comunidades Autónomas; a UCD fixo todo o posible para que Galicia tivese unha autonomía de segunda con respecto a Catalunya e Euskadi cando a Constitución Española xa admitía implicitamente por medio da Disposición Transitoria IIª a situación singular de Galicia en pé de igualdade coas anteriores; finalmente, e entre o desencanto de gran parte da poboación, Galicia conseguía acceder a un réxime autonómico con amplas competencias pero que deixaba en mans do goberno central a cuestión da soberanía.

A relación dos diferentes gobernos estatais con Galicia pódese cualificar, cando menos, de desleal; o estatus do réxime autonómico aseméllase moitas veces ás antigas Cartas Outorgadas que os reis absolutistas do século XIX promulgaban no seu territorio. Dependemos en gran medida dos investimentos que o Estado queira facer en Galicia a partir dos seus Orzamentos Xerais, o cal limita o desenvolvemento da nosa economía en puntos clave como as infraestruturas; as competencias pendentes de transferir dependen sempre da vontade do goberno central de turno e das maiorías que se configuren no Parlamento; finalmente, o Poder Xudicial a través do CGPX e o Tribunal Constitucional funcionan como quinta columna dos gobernos estatais, dando a súa bendición ás sistemáticas invasións de competencias das autonomías, consagrando así un sistema descentralizado de carácter laminar.

4- EUROPA E GALICIA

O proceso de globalización iniciado nos anos 50 e estendido a escala planetaria a partir da queda do Muro de Berlín replantexou o papel das institucións estatais hoxe vixentes; a fin do sistema bipolar entre os EEUU e a URSS coa consecuente xeneralización do sistema económico de mercado implicou un aumento a escala mundial da circulación de capitais, mercadorías e persoas e ditos fluxos escapaban en non poucas ocasións do control dos diferentes estados.

En Europa a necesidade de dar novas respostas aos desafíos que implicaba a nova situación supuxo dar un paso que modificaba en gran parte o sentido da institución creada a partir do Tratado de Roma en 1957; Por medio do Tratado de Maastricht asinado en 1993, a CEE (Comunidade Económica Europea) pasaba a ser a UE (Unión Europea) e iso significaba a transformación do antigo mercado común nun suxeito político con competencias propias en ámbitos que antigamente estaban reservados aos estados e que estes terían que ceder progresivamente. Un exemplo claro e ilustrativo do que estaba a acontecer sucedeu na política monetaria, que pasou de estar en mans dos Bancos Nacionais dos estados membros ao ditado dun único Banco Central para todos os países da zona euro.

No Estado Español, o proceso de entrada na antiga CEE se demorou pola existencia do réxime franquista até o ano 1986 e, no momento de entrarmos, houbo que pagar un altísimo prezo en forma de reconversións nos nosos sectores industrial, agrario e pesqueiro. A moeda de cambio para entrar no Mercado Común supoñía pechar estaleiros, pagar multas por producir máis leite do estipulado e non ter caladoiros onde pescar. Galicia foi esa moeda de cambio da entrada de España na CEE, e foino pola súa nula capacidade de influencia política no Estado. Por outra banda, as reticencias por parte do Estado Español de ceder competencias ás institucións europeas e aos entes autonómicos ao mesmo tempo provocou un fenómeno aínda vixente a día de hoxe que é a invasión de competencias da Xunta por parte do Goberno central.

5- O FUTURO DO AUTOGOBERNO GALEGO

Galicia, recoñecida como nacionalidade (eufemismo de nación) no actual Estatuto de Autonomía, ten que aspirar a dar un salto adiante no actual proceso de reforma do mesmo. A nación galega ten que ver consagrado no vindeiro Estatuto de Autonomía o seu recoñecemento explícito como tal, posto que iso supón no actual sistema autonómico ser recoñecidos como un pobo que desexa o máximo nivel de autogoberno.

Dende as xuventudes de Terra Galega non renunciamos ao recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo galego, posto que a única relación posible de harmonía coas institucións estatais pasa por recoñecer a Galicia como un suxeito político con capacidade soberana para decidir. Só así poderemos falar dunha relación entre iguais entre Galicia e España.

Reclamamos así mesmo, un modelo de financiamento baseado no principio de territorialidade dos ingresos: reclamamos a recadación por parte do goberno galego de todos os impostos soportados en Galicia e a plena capacidade normativa sobre eles. Non existe a autonomía política sen a autonomía financeira.

Demandamos un proceso de reforma constitucional no Estado Español que elimine as actuais trabas existentes para reformar a Constitución Española e que reforme o actual Poder Xudicial e o Tribunal Constitucional (Títulos VI,IX e X) posto que hai que avanzar cara a un Estado Confederal onde as institucións estatais conten coa participación das diferentes nacións que conviven no seu seo. Do mesmo xeito, tamén demandamos unha reforma do Senado para que este actúe como unha verdadeira cámara de representación territorial que serva de punto de encontro entre as Autonomías e o Estado. Cómpre reformar o sistema de designación dos membros do CXPX e do TC para que este non actúe ao ditado do goberno central. Reclamamos unha blindaxe das competencias no vindeiro Estatuto de Galicia.

Cremos que Galicia é un actor que ten que estar presente nas institucións europeas ao máximo nivel: o galego ten que ser idioma oficial da UE a todos os efectos e o goberno galego ten que ter capacidade política para influír en todos aqueles ámbitos que nos afecten e onde teñamos competencias asumidas.

En definitiva, dende as xuventudes de Terra Galega apostamos por unha Galicia sen límites, soberana e que poida afrontar o futuro con garantías de igualdade de oportunidades e prosperidade para os nosos xoves, para a Galicia de hoxe e do mañá.