O Primeiro Encontro da Mocidade de Narón terá lugar o próximo 7 de Xuño.

Terá lugar o día 7 de Xuño na Praza de Galicia, e reunirá a un centenar de xóvenes que realizarán diferentes demostracións lúdicas e deportivas. A Concelleira de Mocidade e Participación Cidadá de Narón, Natalia Hermida Rico, presentou en rolda de prensa o primeiro Encontro Local da Mocidade “Enlomos”, que se celebrará o vindeiro 7 de Xuño na Praza de Galicia, en horario de 10 a 20 horas. O evento organizado polo Concello de Narón reunirá a un centenar de xóvenes que realizarán demostracións das actividades que practican a cotío no municipio, e que son as seguintes: freeride, graffitis, música, malabares, patinaxe, moda, e capoeira.Segundo explicou a Concelleira de Mocidade, agárdase a participación dun centenar de rapaces e rapazas, ademais da asistencia como público doutros 150 xóvenes, que poderán participar no que definiu coma “un foro de encontro e intercambio de experiencias”. Este é un dos obxectivos do I Encontro Local da Mocidade, xunto co feito de traballar de cerca coas asociacións xuvenís do municipio, tal e como comentou a Natalia Hermida.O Encontro da Mocidade terá lugar na Praza de Galicia, nun escenario ao aire libre no que se habilitarán espazos diferenciados para cada unha das demostracións. “Para nós resulta importante facer este evento aquí, porque nestes tempos de videoconsolas e Internet, dende o Concello pretendemos que os mozos/as recuperen as prazas públicas como lugar de encontro e intercambio de experiencias”, sinalou Natalia Hermida.

A Concelleira de Mocidade resaltou tamén o feito de que as administracións “deben estar ao servizo das persoas e non ao revés. Nese sentido resulta crucial o compromiso do Concello por favorecer as actividades que promovan a participación cidadá, facilitando o encontro e o diálogo entre os máis novos”, declarou. Hermida lembrou tamén que nos últimos tempos Narón tense convertido “nun concello en crecemento, dinámico e plural. Somos un municipio cun crecemento vexetativo positivo, ademais dun municipio de acollida no que a xente nova ten moito que dicir”.

A actividade está dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, especialmente a aqueles que se atopan na franxa de idade entre os 16 e os 23 anos. Ao longo dos próximos días, a Concelleira de Mocidade e Participación Cidadá presentará algunhas destas actividades en rolda de prensa. É o caso, por exemplo, dos módulos de formación no sector da moda ou o arte dos graffiteiros.