“Traballando por unha Galicia libre”Un ano máis as Mocidades de Terra Galega sumámonos á homenaxe que cada 17 de agosto os nacionalistas e toda a xente de ben do noso país lle renden a aqueles que nos precederon na defensa desta vella Nación e pagaron coa súa vida a incomprensión dos “imbéciles, escuros” que non entenden o que significa amar a nosa Terra. O 17 de agosto é o día dos “bos e xenerosos”, é o día dos homes e mulleres que fan grande un país, é o día dos demócratas, dos que non están dispostos a deixarse mangonear por posicións autoritarias, é o día dos que soñaron unha Galicia gobernada por si mesma e loitaron ata as últimas consecuencias para que isto fose posible.Os mozos e mozas nacionalistas vemos en Alexandre Bóveda un modelo de entrega polo país; un home aberto, tolerante, cun espírito libre que o levou dende moi novo a participar no nacionalismo progresista, liberal e democrático que representaba o Partido Galeguista de Castelao. Foi un home que coma nós cría nunha Galicia nova, libre de caciques, na Galicia do progreso, nun pobo galego capaz de rachar coas ataduras dun pasado de submisión e saír adiante por si mesmo. Todo isto era o que estorbaba aos seus verdugos, todo isto fixo que aquel 17 de agosto de 1936 Alexandre caese morto na Caeira. Máis a súa morte nin a de tantos outros foron en balde pois, á fin, o efecto que agardaban os verdugos tornouse contrario e as súas ideas lonxe de morreren ficaron asentadas nos corazóns de moitos galegos e galegas e chegaron ata nós.
Agora somos nós, os mozos e mozas galegos, os encargados de proxectar esas ideas de cara un futuro no que Galicia vexa realizado á fin o soño daqueles que caeron berrando liberdade, o soño dunha Nación Galega libre, gobernada por si mesma, que dunha vez para sempre rache cos complexos que no pasado a levaron a ser submisa a un poder Estatal que ollaba para ela con desprezo. Unha Galicia libre tamén dos seus propios inimigos internos, deses “imbéciles, escuros” de hoxe que non queren que saia do atraso, libre dos vellos caciques disfrazados de galeguistas,libre dos novos caciques disfrazados de progresía, libre tamén dos que se din seus defensores e pasan do “Galiza ceibe” ao “si señor ministro” sen poñerse colorados e a cambio de non se sabe que.
As Mocidades de Terra Galega seguimos e seguiremos a traballar para que un día esta Galicia, a nosa Galicia, sexa a de todos os galegos e galegas. Porque así o quixeron eles, así o necesitamos nós e así o merece Galicia.
