O xulgado de primeira instancia número 3 de Compostela ven de dar a razón ao sector teguista liderado por Xoán Gato que denunciara ante este a ilegalidade do congreso celebrado por Xermán Tobío e Pablo Padín o pasado mes de xullo. No auto xudicial suspéndese dito congreso e as decisións alí tomadas, polo que a Dirección Nacional válida volve ser a anterior a da celebración do malogrado congreso e Xoán Gato continúa a ser o Coordinador Xeral do partido. +máis... A titular deste xulgado, despois de analizar a denuncia feita polo grupo de Xoán Gato e de escoitar a ambas partes acordou aceptar as medidas cautelares solicitadas pola maioría do partido. Así, acordou a “anotación preventiva de demanda no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior”, así como “a suspensión dos acordos adoptados no consello político do 3 de xuño e do congreso do partido do 12 de xullo de 2008”, mandando remitir estes acordos ao Rexistro de Partidos Políticos para que tome conta deles. No auto a maxistrada fundamenta a súa decisión no incumprimento por parte dos convocantes do congreso tanto dos estatutos como da Lei de Partidos políticos, non respectando así os máis elementais principios democráticos tal como viña recollido na demanda presentada polo abogado José Balado en representación do grupo liderado por Xoán Gato.
Na roda de prensa desta mañá en Santiago, Xoán Gato, falando novamente como Coordinador Xeral de Terra Galega e representante legaL do partido segundo recoñece o auto xudicial, asegurou que daba por pechado este incidente e que a Dirección Nacional legalmente constituída, é dicir, a anterior ao malogrado congreso, se porá a traballar dende hoxe para normalizar a situación do partido así como para prepararse de cara aos próximos comicios autonómicos. En relación ao sector disidente e minoritario liderado por Pablo Padín sinalou que logo do intento fallido de secuestro do partido é o momento da “unidade” e que “tenderán a man a todos os que a partir de agora estean dispostos a traballar de boa fe”, sentenciando que quen non a teña “encontraranos de fronte e preparados”; “é o tempo dos bos e xenerosos” afirmou animando á xente a traballar coa ollada posta nas próximas eleccións autonómicas.
En dita roda de prensa o Coordinador Xeral, Xoán Gato, estivo acompañado por Guillermo Sánchez Fojo, vicecoordinador de Terra Galega, o avogado Xosé López Balado, os concelleiros teguistas de Fisterra e A Guarda, Xan García Pouso e Celso Fariñas, e o coordinador provincial de Lugo, Anxo Rodríguez.
