Terra Galega e as Mocidades de TEGA agradecen a súa participación a todos os xogadores e xogadoras que representaron a Galicia cos seus respectivos combinados e piden ademais a oficialización a nivel internacional da selección galega en todos os deportes. Dende Terra Galega e a súa organización xuvenil queremos congratularnos da consolidación que, co paso do tempo, están a ter as seleccións galegas deportivas que empezaron a súa andaina hai xusto tres anos. Queremos, da mesma maneira, dar as grazas a todos aqueles xogadores e xogadoras que acudiron ás convocatorias e que, en moitos casos, tiveron que realizar desprazamentos de centos de quilómetros para defender as cores das nosas seleccións de fútbol, tanto na categoría masculina como na feminina.
O protagonista do día 27 foi o fútbol, pero sería inxusto esquecer a participación durante estes últimos anos dos xogadores e xogadoras das seleccións galegas de baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol-praia e tantos outros deportes que, coa súa presenza, fan que cada día Galicia sexa máis país. Porque as seleccións deportivas galegas son, como tantas outras cousas, unha expresión da nosa identidade como nación.
Do mesmo xeito dende as filas tegás lamentamos e condenamos profundamente os altercados acontecidos entre un grupo de seareiros e as forzas da orde momentos antes da celebración partido. Aínda que eses incidentes non foron capaces de empañar a festa anual do fútbol galego consideramos deplorables ditos altercados tendo ademais a esperanza de que nunca máis se volvan producir.
Finalmente, dende Terra Galega queremos, tamén, manifestar o noso apoio ao carácter oficial das nosas seleccións deportivas, cousa que vemos como un dereito irrenunciable a exercer; se Galicia é unha nación, ten dereito a participar nas competicións deportivas internacionais ao máis alto nivel da mesma maneira que o fan outras nacións europeas sen Estado como Escocia ou as Illas Feroe. Esiximos, pois, o recoñecemento por parte dos organismos deportivos internacionais de Galicia como suxeito de participación nas súas competicións oficiais.
